TEATRO MUXICAS
O grupo de teatro Muxicas é un colectivo artístico formado na súa maioría por actrices e actores invidentes ou cunha discapacidade visual grave. Impulsado pola delegación da ONCE en Ourense, leva case vinte anos facendo posible que persoas con diversidade funcional poidan achegarse con profesionalidade, rigor e compromiso artístico ao mundo do teatro.
Dende o ano 2007 a dirección do grupo recae en Tito Asorey e Melania Cruz, cos que levaron a escena nove espectáculos que foron vistos en escenarios de todo o país, entre eles o célebre Teatro Arriaga de Donosti. O grupo foi galardoado no ano 2012 co Premio Max ao mellor labor en prol do teatro afeccionado.
O obxectivo desta agrupación artística é dobre: dunha banda, loitar pola inclusión deste colectivo no eido escénico, empregando a expresión dramática como medio para desenvolver unha maior autonomía persoal, eliminando os prexuízos e os falsos mitos con respecto ao mundo da cegueira, e por outro, perseguir claramente un obxectivo artístico, traballando arreo para ofrecer espectáculos que poidan ser gozosos para público vidente e invidente.
Equipo de Dirección
Tito Asorey
TITO ASOREY é licenciado en Historia e Arte Dramática (Dirección de Escena). Mestrado en Artes Escénicas.
Compaxina desde o ano 2000 a súa dobre faceta como actor e director de escena, tratando de establecer unha retroalimentación o máis frutífera posible entre estes dous oficios.
Como actor estivo vinculado á compañía Sarabela Teatro dende o 2000 ao 2010, e posteriormente a Ur Teatroa. A partir do 2014 centra a súa carreira como intérprete no mundo audiovisual (Serramoura, Fariña, Servir y Proteger).
Como director foi responsable de máis de vintecinco espectáculos realizados con todo tipo de colectivos, tanto profesionais (Teatro de Adro, ilMaquinario Teatro, Centro Dramático Galego), como amadores. Estivo vinculado á Compañía Nacional de Teatro Clásico durante os anos 2013-2014, na que ocupou o cargo de axudante de dirección e coordinador pedagóxico. Desde o ano 2018 colabora con Xose Antonio Touriñán, dirixindo espectáculos como Somos Criminais ou a versión teatral de Fariña.
Entre os galardóns que ten recibido destacan tres Premios nacionais de Teatro “Buero” (nos anos 2007, 2008 e 2010), así como cinco Premios María Casares (Mellor Actor Secundario, Mellor Iluminador, Mellor Adaptación, Mellor dirección e Mellor Espectáculo). Foi candidato en dúas ocasións aos premios MAX e nominado ao premio nacional de Dirección de Escena da ADE.
Melania Cruz
MELANIA CRUZ é diplomada en Maxisterio e Titulada Superior en Arte Dramática. Mestrado en Artes Escénicas (Pedagoxía Teatral)
Comeza o seu contacto co mundo da interpretación da man de Marga Portomeñe e posteriormente pasa cinco anos na Aula de Teatro da USC no Campus de Lugo ata que decide especializarse en Interpretación Textual na ESAD de Galicia. Traballa en diferentes compañías de teatro (EscénaT, Teatro de Adro, CDG, Contraproducións, Producións Excéntricas) e cofunda xunto a catro compañeiros ilMaquinario Teatro.
Dende 2008 desempeña o papel de axudante de dirección en Teatro Muxicas, colectivo pertencente ao Movemento Teatral ONCE, onde dirixe A Visita da Vella Dama en 2014. Ese ano debuta en audiovisual interpretando o papel de Raxada no filme A Esmorga, de Ignacio Vilar, con quen tamén traballa en Sicixia. Protagoniza as películas DHOGS de Andrés Goteira, Arima de Jaione Camborda, e participa en Trote de Xacio Baño. Traballa nas series de televisión Urxencia Cero, Serramoura, Fontealba e Viradeira, e protagoniza o telefilme Contou Rosalía e a serie A Estiba.
En 2016 recibe o premio María Casares a Mellor Actriz Protagonista por Xardín Suspenso, no 2018 o Mestre Mateo á Mellor Actriz Protagonista por DHOGS e no 2019 recibe o Premio Mestre Mateo como mellor actriz de reparto por Trote, de Xacio Baño.
Elenco
O elenco de Teatro Muxicas está conformado na súa maior parte por intérpretes cegos ou con discapacidade visual grave, case todos eles afiliados á Organización Nacional de Cegos de España (ONCE). Durante os máis de vinte anos de existencia desta agrupación pasaron por ela unha grande cantidade de persoas que atoparon así un xeito de dar saída ás suas inquedanzas artísticas. Todas elas forman parte dun colectivo teatral onde poden aprender e enriquecerse como persoas a través da arte dramática, non só realizando espectáculos que percorren a xeografía de todo o país, senón tamén participando en obradoiros de creación escénica e outras moitas actividades ligadas co mundo da interpretación.
Neste momento o elenco de Teatro Muxicas está formado por Aída Saíz, Teresa Rodríguez, Severino Pérez, Alejandro Losada, Luis Pequeño, Iago López, Ricardo Rodríguez, María del Carmen Fernández, Eva Herbella, Paco González e Eva Estévez.
COLABORADORAS
Desde a creación do grupo, moitas profesionais das artes escénicas axudaron a que as diversas creacións do grupo foran posibles, colaborando co equipo de dirección para conformar as experiencias formativas e artísticas que posibilitan os principais obxectivos de Teatro Muxicas.